deconstrucción

Posted by raida on abr 10th, 2008

deixarte chegar, paseniño, onda mín
e daquela, esnaquizar a torre do vixía
(entendo a filosofía non como enfrontarse ao abismo, senón como facerse unha mesma o abismo)
-a súa natureza
-a xeada
-os obxectos voadores non identificados
-o lume
-os caramelos de café con leite
-a nai
-o anaco de humidade na parede no que deches en identificarte

namoreime do teu eu
non do teu espazo nin do teu tempo

(os obxectos de coñecemento invaden os suxeitos na loita pola supervivencia)

-na escisión
(é o único xeito de manterse)
-na ausencia da vida
(do que demos en chamar vida)
-non, non hai terapia posible para xuntar o mundo coa linguaxe
-o medo a viaxar
-a vertixe da fuxida

(que amas o monstro no que me convirto, que iso en calquera caso non é máis que un producto da convención, un uso lingüístico, que obviamente non posúes un corpo)
(multitude) que en calquera caso é inútil amarte, que me ames

……………………
…………………………….
…………………….
………………..

ningunha paisaxe representa o meu estado de ánimo
(as liñas de puntos son só para que saibas exactamente por onde cortar)

O VOTO ÚTIL (VIAXE DE IDA E VOLTA AO OUTRO LADO DO ESPELLO)

Posted by raida on mar 5th, 2008

comezar a andar DEICA PODER ASENTARSE NA FERIDA

S.O.S. (a roda do azar ten a culpa de que sigamos cantándolle ao medo,
non somos grandes nin pequenos pero non soñamos soños, soñamos na potencialidade da materia,

nunca no pre-sente, sempre no pre-algo; somos @s viaxeir@s dun tempo-máquina e estamos a piques de darlle a volta ao mundo:
-canta negrura vai nesa nube que pasa, canta palabra estrelada contra o chan! (porque perseguir a quen fai preguntas ainda non é posible) ANAQUIÑOS DESA NUBE

TAL VEZ: QUE EMOCIÓN AO DESCUBRIR POR VEZ PRIMEIRA QUE O MEU CORPO ERA UNHA AERONAVE,

E QUE PODIA FACER que todo dentro de min acontecese. No exterior, as pegatinas de cores que representan as distintas partes do meu corpo e os buratos negros tan necesarios. CON FRECUENCIA TENDO A OCUPAR O SITIO DOUTRAS PERSOAS: e pregunto, que foi o que lin hoxe sobre a imposibilidade do cambio?

A través do xeo as verdades saben menos a derrota.

Elixir elixir, o que se dí elixir…Sería como deterse de súpeto ante a lonxitude do propio entendemento, considerar o propio peso, desesperarse, e finalmente deixarse caer, dándolle forma redonda aos pensamentos e ás decisións: NON ÁS SUPERFICIES PLANAS; adecuar o mundo interior ao exterior supon a fe na esfericidade do EU: un EU liso e brillante, cos seus mares e continentes e sobre todo illas, moitas illas con tesouro e montañas sulagadas. Velaquí a xeografía do EU,

o traballo para facer dos corpos estancias adicadas á fugacidade e ao sono.

Tantas conversas co meu lado escuro:
pan negro nos beizos e na alma (unha escena na que a caida nunca ten lugar ainda que non deixa de producirse e de ser real aos ollos de quen a mira)
caer sen saber o significado do acto nin o alcance das súas consecuencias…
porque sempre que os feitos nos arrastran á acción ocorre que non hai ningún sinal ou algo que se lle pareza, non hai senón TANTOS HORIZONTES CADA UN DELES CO SEU SOL E A SÚA VONTADE DE EXISTIR E DE SEREN-NON SEREN ELIXIDOS.

Así foi como botei fóra o sentido común e fíxenme mutante: porque o libro dos cambios pronostica sempre a derrota, e é a nós, os mutantes, a quen corresponde asumir a atracción fatal POLA NADA,
no supoñer de que sexa a nada o que nos compete, e non as cousas.
As cousas teñen a súa propia autoconciencia e para iso non precisan estar cubertas de pel. Cada opción, co seu cheiro característico, único, intransferible ainda que nos guste tanto xogar aos vestidiños coa palabra posibilidade

Se non hai mapas nin lugares reais nin camiños que nos leven a onde queremos ir…daquela será cando poidamos facernos camiñando (nin infinitivo nin participio: XERUNDIO, CONSTANTEMENTE XERUNDIO como aniquilación da temporalidade. Nunca en ningures, NUNCA NÓS MESM@S, SEMPRE PROXECTO, NUNCA NADA NADA NADA MÁIS QUE MEDIOS DE TRANSPORTE
(cheos ou baleiros de contido, pero veloces)
ACONTECENDO.

(foi máis ou menos así
cando soñei
que tiña superpoderes e facía estoupar o universo na miña boca)
anaquiños de totalidade caendo da memoria individual e colectiva
A XELATINA, OS CORPOS, O DESPRAZAMENTO, O DESEXO DE SER-NO-MUNDO, DE SERMOS OS ANIMAIS
ILIMITADAMENTE LIBRES
que soñamos

(darei o meu voto ao máis veloz dos depredadores)

(heart) of darkness

Posted by raida on xan 31st, 2008

(ante todo, isto que vés non é un libro, é un paraugas por riba das nubes,

é un enigma que viaxa)

recordos apañados ao pé da montaña:

LINSHAN: tí eras o horizonte e eu a fuxida

enchendo a paisaxe de libros de Conrad, Joseph, a atalaia, o mirador de Certezas, o contador de visitas ao psiquiatra: o meu problema non é máis que unha esaxerada predilección polo SILENCIO

(enchendo a boca de tebras) tamén o inverno podería ser un hábitat

contra as paredes da Casa: milleiros de habitantes, milleiros de balas disparadas en todas as direccións

(o obxectivo, romper a voz, romper a mensaxe, romper a comprensión da mensaxe)

recordar os dedos apañando a humidade

NA PALABRA, recordar os cortes, a pel negra (o de-sexo)

a necesidade dos abismos

(ningún) universo poético

Posted by raida on xan 29th, 2008

-acreditar na linguaxe é como seguirlle a pista ao asasino: neve, haggard, neve.

-un can esfameado, o derrube da civilización tecnolóxica

que tan ben coñece o teu corpo: vergoña, forats.

unha máquina reproductora de nacións, de logotipos,

de tellados: os habitante ante todo precisan da luz

-outro nadal desaproveitado,

vencín, coma sempre: she is the dark, NA PREGUNTA

(e os corpos queimados acenderán o sol vermello do comunismo)

(calquera tipoloxía de beleza, calquera corpus idolóxico é susceptible de converterse en xeo)

(e a palabra rompe por igual espellos e rostros ao seu paso)

-o lume da nación

-a autonomía do proletariado

-na palabra?

-no signo lingüístico?

-no poema

-na metástase

(liberando outra paisaxe sen espectadores)

Posted by raida on xan 28th, 2008

non escribo para expresar nada, sei que é imposible abrirse paso ao exterior, baleirarse a través da linguaxe

escribir é o meu xeito de morder, de alimentarme

ESPELLO MÁXICO (OU ANACOS DE FELICIDADE EXPULSADA A TRAVÉS DA PEL):

sobretodo, rexeitar a felicidade, non acreditar na beleza, limitarse a alimentar a selva dende as profundidades da selva

ESPELLO MÁXICO (a parte do xeo, da permanencia, as torres defensivas, as armas contra o paso do tempo)

KURTZ (a parte do amor, invencible, polo coñecemento)

(non esquecer):

1. a miña máscara irrompible para asomarme aos abismos

2. son calquera cousa excepto un recipiente para a dor

p.d. igual que seguen intactos os meus debuxos nas paredes, os ideogramas, a boneca partida pola metade, xusto no instante de morder

KIRTASH,

invadín o teu corpo

KIRTASH,

obviamente eu, a serpe,                     quérote.

unidade de desprazamento

Posted by raida on xull 27th, 2007

Preludio: os zapatos, e dentro deles os pés, as incontables liñas do triángulo… (dende dentro, desfacéndose cara ao exterior, a linguaxe, o demo da linguaxe:
os chicles de menta -de mentira)
EU-ELA (a vexetación, as cousas) : -Posiblemente fórame roubada a culpa, o calendario lunar.
EU-ELA: -Sigo crendo na realidade da paisaxe, ainda que no canto de ollos teñamos vidros irrompibles insensibles aos cambios na atmosfera e á sucesión lineal dos acontecementos, insensibles polo tanto a CALQUERA COUSA QUE HABITE NA SUPERFICIE E NON SEXA CONSIDERADA NA SÚA DIMENSIÓN ONTOLÓXICA.
EU-ELA: -De ser certo o anterior, daquela non hai máis mundos posibles, nin máis cómodos salóns nos que sexa necesario deixar fóra o propio corpo para poder meterse dentro.
Na inutilidade de calquera acción, de calquera indumentaria que oculte a atracción pola nada.
ou aquí no meu ventre: O AXIOMA DEFINITIVO.
(iso, malia ser eu tan melancólica:
na contemplación da verdade sempre hai que situarse de xeito estratéxico)
EU-ELA: -Todos os corpos constitúense como u-topía, como aínda-ningún-topoi.
TIPOLOXÍA DAS VIAXES ASTRAIS: ser unha mesma o propio medio de transporte.
(exemplo) “os meus soños non son do futuro, os meus soños son do pasado”
(exemplo) “cando lle deas a volta ao xersei e descubras o que hai ao outro lado, xa eu estarei lonxe, e non haberá ninguén que saiba emparellar os teus calcetíns, ninguén que saiba romper coma mín a túa alma transparente”
(No exterior do triángulo, os vértices espallados, a agonía do desprazamento)
EU-ELA (na punta dos dedos) : -Sei tanto sobre as formas da impureza, sobre os pecados da carne, que dime, como podo pensar en alimentarme?
(coma se ainda puidese haber en mín algo semellante a un receptáculo,
coma se fose posible que me amases)
A afirmación da propia identidade : perpetúase na loita de contrarios. O verdadeiro significado da derrota reside aquí: na deconstrucción do propio corpo, pero tamén, e sobre todo,
na deconstrucción dos corpos alleos.
Os corpos, esas entidades abstractas, esas xeometrías perfectas,
esas viaxes no tempo que tan ben escenificamos:
COMO SE AINDA FOSE POSIBLE DESPRAZARSE.

o meu apoio a Eva Mendez doRoxo

Posted by raida on xull 26th, 2007

AS PALABRAS NON SON PROPIEDADE DE NINGUÉN!
http://doroxo.blogspot.com/2007/07/retiro-un-postre-de-mel-por.html

Posted by raida on xull 15th, 2007

non hai ningunha ordenación no mundo (ningún territorio
de tanta beleza como a dor)

situacionismo:
no acceso ás interioridades, metal incandescente, materia en estado puro

e espellos cravados en cada palabra
que autorizas

Posted by raida on xull 15th, 2007

s1661338.jpg

iniciación á construcción de identidades (I): a miña lingua non é senón igual a sí mesma

Posted by raida on xun 26th, 2007

de tódalas cousas que non suceden

pero pasan, son necesarias, producen

un poema, ou a MUSA

(no arrandeadoiro): hoxe contiven o alento

ante a posibilidade de anunciar o teu nome, ben ALTO

e fuxir desta torre defendida

polo noso AMOR e os nosos gatos:

o asedio foi duro, acabáronsenos a pólvora,

o chocolate con leite, as lecturas de Tolkien, de Pavese,

Charenton, o Libro dos Cambios, as ruinas, a memoria, os coitelos

permanentemente a voz, SOMOS INVENCIBLES, a voz nos límites do entendemento, os xiros do yin e o yang nas nosas bocas acendidas, o bosque que tamén é palabra e velocidade e soño e terra mollada e morte

aquela casa co seu cheiro, aquel anel máxico

e eu veña a tecer máquinas, arañeiras,

comprar o pan cada mañá, cocelo, desfacelo na boca

velaquí o meu xeito de habitar a realidade
(a dureza)

a máquina prehistórica -amorpunk- despois viñeron os soños, a materia

en suspensión:

non situarse onde os espazos desexan eles mesmos liberarse e non seren liberados

-se a linguaxe é o poder, non a ferramente senón o poder mesmo

-mais que é o poder senón unha ferramenta?

dixeronme: tí se existes é porque es todopoderosa

e eu afoguei toda a beleza do bosque na mirada

paisaxe (rompendo) VOZ UNIVERSO NACIÓN ÁNIMA

contra a escrita:

1. tapar os ollos, irse baleirando

2. ata non sermos senón igual a nós mesmas:

detonación

velocidade

pranto

 

todopoderosa

materia

 

 

 

 

 

« Prev - Next »