teatro de sombras (I): teoría e práctica de vencer

Posted by puntodefugaMar 13th, 2009puntodefuga on

cidade. espazos onde todo é submisión,

onde ningunha musa agarda para bendicir a metáfora (círculos concèntricos)

eu respiro as redes a cada instante, dou de comer ás aves, vixío as naves concávas -átomos impulsores do cambio- devezo polo movemento (por entender o idioma no que falas)

poema: a verdade fúndoa eu. porque eu son o mundo descansando sobre o cadáver do mundo.

unha voz, infinitas variacións fonéticas, e que?: ningún acontecemento

(mesmo o séquito de filósofos precisa de gardiáns para salvagardar o seu ser-no-mundo)

sombra n.1 (a miña, rabuñando ao lector, asimilando bolboretas ou pedras no estómago, amor-non amor. entre o silencio e a morte):

non me darei a ninguén que non se chame Mnemosine.

sombra n.2 (non son eu, é a permanencia da metáfora impoñéndome unha continuidade no real):

quen sabe se a repetición dun acto non implica un alleamento?

daquela, NON á privatización da metáfora! o meu NON é un NON sedento de vinganza,

un xenerador de horizontes sobre os que pousar os pés, e avanzar

exército de sombras (proxectándonos en todas as direccións): toda filosofia se reduce a constatar que as fronteiras do pensamento xamais foron transpasadas polo real.

como boas fillas de Eva, seguimos caendo vítimas do automatismo das portas,

transportando o metal -alquimia do verso?- dando voltas ao redor da Orixe, precipitándonos na paisaxe, roubando voz, beleza (sombra) a fertilidade nos símbolos da ceràmica de Jomon

anti-cidade. espazos para a apertura, para o desprazamento. éxtase.

rexeitar o centro, aguantar o peso, moverse sempre en todas as direccións

  • poemas
  • Comentarios desactivados en teatro de sombras (I): teoría e práctica de vencer

Os comentarios están pechados.