nadal

Posted by puntodefugaDec 24th, 2009puntodefuga on

Blake_Dante_Inverno_II

Do orixinal, só o título (e ás veces, a intención).
Maria do Cebreiro, (Nós, as inadaptadas)

o deseño dos días transcorre igoal para nós
que estiramos a nosa pel e os nosos soños
pero a pedra sempre responde frío
e a viaxe de retorno do poema trae consigo
a fame
-e o inverno, estou segura, agarda sempre trala metáfora-
sen sermos nós os gardadores do froito nin as precursoras do diluvio
acontece que unha vez máis a mirada se deten ante o camiño
e por dentro todo se bifurca:
as luces de neón, os petos do abrigo cheos de terra
a aldea engulida polo volcán e as follas dos cadernos
con debuxos e intencións múltiples
(aterecía de frío e gustábame)
de espellos
de pan de centeo
de cheiro a esterco e pasos perdidos á procura do Outro
está feita a ollada de calquera monstro, e por suposto a voz
mancha sobre a pel da besta
memoria ou tribo
encrucillada
totem
as viaxes de ida e volta á torre do vixía,
e sempre o retorno ao ventre das máquinas
Solaris
cincento
e vendas nas mans para curar o tacto dos horizontes posíbeis que sen embargo nunca se deron
nin perseguimos nunca con suficiente empeño e forza
pola contra, a debilidade impon un ritmo frenético aos nosos días
e tamén o poema se resinte
e os gatos vólvense vellos nos tellados vellos da cidade que mira ao mar
pero non mira
ten os ollos e a existencia
postos onde só agroma escuridade
e non seres-para-o-mundo

chegados a este punto a autora, unha das múltiples voces ou máscaras ou artefactos impuros ou manchas de animalidade
pregúntase,
e cando pregunta coñece o risco,
e adoece e sen embargo executa o ritual
unha vez máis

o veneno fluindo polas veas
invandindo o corpo brando da Musa
con que obxectivo?

  • poemas
  • Comentarios desactivados en nadal

Os comentarios están pechados.