autopoética

Posted by puntodefugaXuñ 21st, 2009puntodefuga on

a poesía sucede cando estoupan as palabras
(distorsionan, interrompen, crean interferencias, deveñen libres)

-cando era pequena viaxabamos veloces no R-4 do papá
tiñamos aqueles ollos cobizosos e non contemplabamos nada, viaxabamos,
na paisaxe física e mental
coa mesma forza agatuñabamos árbores, sentabamos á sombra do eucalipto e recolliamos os restos da merenda,
ruínas
-milleiros de veces a mesma canción
o corpo deslocado

-non me sirve o idioma dos meus antepasados
non me sirve esta mirada educada na contemplación
non teño senón monstros dentro de mín, e as maletas feitas da viaxe nunca iniciada,

querendo encher o universo de sentido cando o que falta ainda é que haxa primeiro un universo

-e nós nel,
perdendo o tempo en actos milimetrados, previsíbeis, extenuantes
(isto non é un poema, se segues a ler corres o perigo de que che estoupe a cabeza,
e eu non me fago responsábel)

a poesía sucede cando a ferida se abre e se fai accesíbel, cando te apropias da ferida e non é que lle deas un nome senón que é máis ben un clúster de significados que se entrecruzan e converxen no idioma,

as máquinas* devecen pola producción,
os poemas chaman uns polos outros,
as ruínas van gañando terreo aos fundamentos

non hai maneira de afastarse

_________
*fendas na paisaxe social sen adscrición de clase, partido ou sindicato

  • poemas
  • Comentarios desactivados en autopoética

Os comentarios están pechados.