xamais confundas a palabra co acontecemento, agora que a choiva levou as colleitas todas e a tí só che deixou o medo, alomenos un vestidiño bonito, nese teu corpo xeitoso, hoxe antes de te deitar descobres américa, lavas a cara, dáslle un bico aos gatos,
a túa verdadeira paixón,
viches como a serie de acontecementos non conseguiu borrar os teus pasos
e corriches canto puideches para entrar a tempo no círculo, mais o outono traía
ollos cheos de rabia, miradas e miradas devolvendo o xeo que botaras pola boca tí,
-canto animal debruzado no espello, cantos paradisos e fertilidade e nocións claras e distintas das que dispoñías como se os planetas e estrelas todos respondesen á túa voz, vidro quente, metal líquido, unha vez cazado o demo que te pariu, xa nada che parece imposible, xa nada pertence a ninguén, unha sólida paisaxe, unha nube desas de sabor incerto, o teu pasado cartón-pedra-tesouro, o material erótico da princesa na torre do método cartesiano,
logo coñecín un pintor sen armas, e así era, así, todo el cara o horizonte, e amei nel a negrura, e a derrota, e os nomes, AUTUMN TEARS, FOSCOR, IN FLAMES, LACRIMOSA, NARSILION, bocas asegurando unha redención innecesaria, velaí porque deixei aquela fe, a flor atravesando o coitelo, a proximidade, NUMEN, idioma ferido pola beleza, beleza destinada a morrer nos ollos do espectador, e converterse en mensaxe, quérote, ANIMAL HUMANO, RACIONAL, ESPELLO INMUTABILIDADE SEXO SEN ARMAS SEN ALMA SEN nomes, os nomes
era preciso crear un universo para traerte outra vez á memoria, NUMEN, o meu amor polo deus astado,
eras tí,
na ausencia de voces, de linguas, de luces de neón, de cores brillantes, obtiven a alta médica e mudeime ao interior do volcán, así quentiña, paso todo o día a esmagar
a materia da que están feitos os soños