raíces. setembro

Posted by puntodefugaSet 12th, 2008puntodefuga on

aniquilación da paisaxe
verbal
porque saín do poema,
da fotografía
senón, atoparte na desolación, cando recibín o meu nome da túa linaxe escura
der Stille
a encrucillada
a velocidade da mazá
inútil
que ofrecerche
sen sílabas (o silencio paréceme un froito así delicioso, unha fortaleza nosa, inexpugnable)
pero adoecemos
por dentro porque tamén en nós
todo acto
entraña unha dislocación do mundo
de cada espello cada árbore
dispoñer a realidade ao longo da historia
unha sucecesión de vencidos terra, patria, animal
salvaxe
voz
a miña linaxe de cemento e terra mollada,
o meu cuarto, o que non che debo, o que acatei, a desorde
revolución é agora
porque non podo deixar de pronunciarte
porque aquelas plantas a ninguén lle pertencían
e os inquilinos hai tempo que destruiron a escena aquela na que a casa engulía veleno e dozura
a partes iguais
son convosco
a partes iguais
na desolación da paisaxe
na procura dunha noción autónoma
miña
desgarrando retallos de
calquera pantasma, cosendo unha e outra vez as costuras do vestido, impedindo que a lúa se dilate
producindo unha alteración irrefutable na memoria da paisaxe
queres saber a miña historia, o por que da miña predilección polas máquinas,
lugar onde nacer é inevitable
e resistir,
na perda de referentes, na ausencia de voz, territorio:
literatura de pantasmas, de lobos feroces e abismos que repousan no meu rostro
canto reteño en mín a inmensidade da túa linaxe, de bosque, de escuridade como unha boca
que nada acende, así detida, contra o horizonte
pero ao mesmo tempo libre, allea a calquera ubicación
aquí
fóra do tempo
raíz exacta,
solución á ecuación do medo
e á fabricación do eu
(aínda así non me vale, terei que refacer os límites, estirar a pel do meu entendemento,
odiarte)
daquela romper, darlle a volta, fundar máis dunha historia do pensamento
reter na memoria as raíces para desprender delas a posibilidade
o percorrido
polos libros pechando sobre sí mesma a vida
abrindo sobre a vida os corpos
única paisaxe
que sexa cruel, filosófica, fértil

que nos invada

  • poemas
  • Comentarios desactivados en raíces. setembro