neverwinter nights (ou o soño do vixía na torre do método cartesiano)
I
e residir aquí, na vertebración da memoria,
igualando os vértices, alimentándome de espellos, de obxectos en suspensión sobre os mares do Leste,
acadamos pel, ollos, órganos sensibles abondo para nos manter alonxados da vida, superficie
lenta
que non esconde nada
mais tí teimas en seguir proxectándote cara adiante
malia a imposibilidade do contacto
malia o enigma que ameaza as nosas bocas
contemplación da esfinxe
aniquilación dos espellos, pero tamén, e sobre todo, do que poida haber ao outro lado
o lugar exacto onde debemos botar áncoras, raíces, pés e desertos, días de nubes negras e pan negro
e bocas negras como certidume
de que nunca existiches
non había luz, nin sequera devezo polo desprazamento
ningún poema serviu ao mundo de alimento
ningún acto ten sido aínda realizado en contra do sentido
II
buscádeme entre os desexos infundados, dixo a autora, entre a pólvora e os espellos innumerables que constitúen o meu ser-no-mundo (o meu desexo de devorar o xenio maligno, as súas intencións de facerme invulnerable)
que a linguaxe non me pertenza, que non se me acaben ainda os caramelos de café con leite, a bóveda celeste, os longos pasadizos que levan ao monstro máis forte e máis difícil de vencer
ante todo, manterse na divagación, non acreditar en ningún inimigo, na existencia de ningún inimigo, somos fértiles como a terra que sometemos (eu, coma vós, tamén pertenzo á xeración perdida das que medramos entre os penedos e as leiras, na procura dun idioma compartido (léase sede de vinganza)
东方红,太阳升…
dongfang hong, taiyang sheng,
(na aprendizaxe, no camiño a Ítaca, na tolemia: ser feliz sen inmutarse)
situacionismo:
o oriente é vermello, érguese o sol e caen os corpos en ringleiras sobre os eidos (a miña avoa regaba o millo erguida contra o horizonte, sen pestanexar,
quería ser a nena das longas trenzas, obviando a negrura que medraba debaixo dos seus pés)
son unha persoa, non un entendemento puro nin un producto da economía de mercado!
berraba, pero por fóra do libro, a túa existencia redúcese a un lixeira vibración do motor,
causa-efecto causa-efecto causa-efecto
de ser quen de comprender a besta