nos a-fóra(s), con Calis

Posted by puntodefugaXul 28th, 2008puntodefuga on


POESÍA SEN POEMAS

ningún lugar nos é común, ningunha posibilidade nos é allea

RAIDA ROSA SOBRE ROSA

 

lémbrasme que existo, que aínda respiro nos conductos plásticos dunha metropolis.

unha lexión de coleópteros acuden á chamada do mutante.

EVA DO ROXO

 

 

quen entra. quen dá a benvida, quen marcha, quen fica

 

A Pantera Rosa non imita nada, non reproduce nada, pinta o mundo da súa cor, rosa sobre rosa, ese é seu ocorrer – mundo para ocorrer imperceptíbel, asignificante, trazar súa ruptura, súa propia liña de fuga, levar ata o final súa “evolución aparalela”

todos os momentos da miña vida están terriblemente condicionados pola lectura de DELEUZE-GUATTARI (a verdade revelada polas máquinas):

——-

-non sei, cando espertei tiña os petos cheos de caramelos (predilección polas linguas minorizadas)

predilección polo rosa sobre rosa, entón, ocorrer pantera rosa de Raida, Eva e Carles-Lluís? virtualidade que se actualiza nun desa – forarse, nun des.-dentrarse?

unha potencialidade do pensamento atentan aos charcos que produce a chuvia…

-non sei, cando espertei tiña os petos cheos de caramelos…

A escrita de Raida vive e medra atenta a diferencia e a singularidade dos corpos pese as marcas do capital. Chéganos dende unha política que desautoriza o estado de cousas, pois non cansa de repetir a dureza contextual do presente.

-non hai organismos vivos, nin revolución, nin proletariado
-non hai teorías globais, universos de sentido para autorizar o presente

Ao tempo asume ca mesma radicalidade a fin das identidades centradas, mais cunha predilección pola proliferación das mordeduras que asignifican e trazan a súa ruptura e xeneran a súa propia liña de fuga e levan ate o final a morte dos sistemas centrados e verticaizados onde se engancha o eu metafisico-falologocentrado…

(non chegar ao ponto de xa non dicir eu, senón a ese ponto no que xa non ten ningunha importancia dicilo ou non dicilo)

-non sei, cando espertei tiña os petos cheos de caramelos (predilección polas linguas minorizadas)

Escrita, aberta, conectábel en todas ás súas múltiples dimensións, alterábel, susceptíbel de recibir constantemente modificacións.

Escrita que pode ser rota, e alterada, que pode adaptarse a distintos montaxes, debuxarse nunha parede, escribirse en rede e escribirse na planta dos pes dos seres amados, concibirse como unha obra de arte, construírse como unha acción política e como unha meditación. Unha guerra de guerrillas. UN ASUNTO DE PERFORMANCE.

…falo de superficies aptas para o desprazamento.

 

O desexo articula aquí a partir de memorias cortas un libro futuro, Unha vida por-vir, un mundo de redes autónomas e finitas nas que a conversa dáse entre non-veciños calqueras.

 

(ante todo, isto que vés non é un libro, é un paraugas por riba das nubes,

 

a-fóra(s)

 

POESÍA SEN POEMAS

ningún lugar nos é común, ningunha posibilidade nos é allea

Raida Rodríguez, Eva Méndez do Roxo, Carles-Lluís Pallarès

………..

escribiu Calis, en http://www.redesescarlata.org/be/index.php

  • metalinguaxe
  • Comentarios desactivados en nos a-fóra(s), con Calis

proxecto de mín (e outras)

Posted by puntodefugaXul 28th, 2008puntodefuga on

o poema, estilos e estilos de baleirar o contido de tódalas botelliñas maneiras de amar,
cunha periodicidade exacta memorizar a vertixe, os beizos verquendo a palabra velenosa
sobre a imposibilidade da fe
Casa de aldea, tres ou catro mártires inquedos diante do aparello televisivo
(e cada vez máis, no desexo, na proxección do propio intelecto máis aló das leis da física)
a miña obsesión por contar nubes
e ser capaz de percibir tódalas respostas posibles aos climas oceánicos

-lín aquel tratado sobre a eficacia e cando volvín os ollos fóra do libro xa non había nada
nada que puidese equivaler a unha existencia xenuina, real
o absoluto engaiolado na miña boca frenética, o horizonte aberto entre as paredes da Casa
-enganeime, non era este o lugar perfecto para realizar unha aterraxe forzosa
o desexo: pero é que todo é tan pequeno que non vía onde pousar os pés…
-e se só estou viva para vingar as túas ás?
cada obxecto, unha ausencia, do mesmo xeito ca mín, que nunca quixen servir para nada,
ainda así a serpe  sempre me observa con ollos cobizosos pero eu nunca lle ofrezo a mazá,
tampouco penses que a como, xogo a darle patadas ata que reventa
adoecendo baixo un ceo baleiro de nubes (baleireino eu,
tiña tanta sede)

velaquí o enigma de Parménides, o padecemento das súas consecuencias

(exemplo de reparto de tarefas)

eu desprazareime cara o sur namentres haxa aves migratorias,
estirarei a pel ata converterme na miña propia casa,
explicarlles iso aos alieníxenas que me habitan:
el buit infinit acaba en si mateix i comença en la manca dels altres, dixo el
a continuación a sucesión das fases do sono, o animal-rizoma nas puntas dos dedos
-posuirás o meu corpo coa seguridade da túa propia derrota?
é o único xeito que coñezo de acceder ao exterior,
repite comigo: calquera forma de expresión é válida para transformar a materia,
ningún substrato é inalterable.
nun planeta lonxano, descoñecido: os meus pais, peregrinando á virxe dos tolos, proxectándose cara adiante con unllas e dentes, calor abafante, era despois da sega, eu voltara da viaxe cun sorriso perpetuo, xa nunca nada me pertencería, a non ser a escisión, a división de todo en partes iguais, e no centro, a negrura
volvendo cegos os animais salvaxes, aniquilando a posibilidade de abrir ningunha porta,
todo son entradas, mais ningunha saída!
querías, ainda así, dar a luz paradisos: un por cada membro da tribo, facer que nunca máis ninguén precisase de ningunha divinidade, sobre todo, de ningunha encarnación de tal divinidade:

(antídoto para espectros, desviación do medo ao avance das tropas inimigas,
ABRACADABRA,
é a cidade mesma quen se move na procura da vinganza)

imposible existir mentalmente
revolución: erradicar tódolos comezos,
multiplicar os cortes ata o infinito

(extraído do co mentario ao I-Ching, Libro dos Cambios)
-e se resulta que todo é metafísica?

-onde residiría daquela  o poder contestatario da linguaxe?

-shhhhhh

  • poemas
  • Comentarios desactivados en proxecto de mín (e outras)

CONVITE

Posted by puntodefugaXul 19th, 2008puntodefuga on

Martes, 22 de xullo, ás 20h, en:

Galería Sargadelos
A Coruña
Rúa Real, 56

POESÍA SEN POEMAS

ningún lugar nos é común, ningunha posibilidade nos é allea

Intervirán: Raida Rodríguez, Eva Méndez do Roxo, Carles-Lluís Pallarès

O suxeito poético é unha utopía.

Non hai un poder unificado, o poder está disperso, por iso non se pode conquistar, dí Sadie Plant.

Pero pódese perverter. Na palabra. A que xorde da dor da escisión. A que desexa. Desexo de vida. Alleo a calquera horizonte de sentido.