Posted by raida on xun 29th, 2008

coro dos alumnos dunha escola rural: San Cristovo de Cea, Ourense (foi así como medramos, na contemplación da verdade, no espanto)

-non hai organismos vivos, nin revolución, nin proletariado
-non hai teorías globais, universos de sentido para autorizar o presente

soa o teléfono pero non contesto
non estou
desfágome en interioridades de doncela guerreira
podendo querer berrar: “sí, sei que non son mans de home as que poden matar o dragón, mais estas non son mans de home”

(non chegar ao ponto de xa non dicir eu, senón a ese ponto no que xa non ten ningunha importancia dicilo ou non dicilo)

eu tamén quero ser exploradora
construirme literariamente

por exemplo:

-os meus pés esmagarán todo o que sexa necesario ata que no mundo só quede a musa esférica que me pariu
-de aí o teu pánico ás superficies planas?
-non sei, cando espertei tiña os petos cheos de caramelos (predilección polas linguas minorizadas)

-daquela non hai resurrección posible?
-nin morte

todos os momentos da miña vida están terriblemente condicionados pola lectura de DELEUZE-GUATTARI (a verdade revelada polas máquinas):

-somos invencibles?
-somos
-daquela, para que a linguaxe?
-para decidir a historia
-decidir os vencedores e os vencidos?
-decidir o desexo
-está o desexo recollido en algún compendio ou enciclopedia?
-non, está nas cousas
-naquelas accións que non escolles?
-no acabamento
-na derrota

coro das musas:
non é certo que calquera suxeito poida poñerse a sí mesmo como acabamento
nin que a linguaxe en sí mesma implique un deterioro
-falas de palabras  que producen?
-non, falo de superficies aptas para o desprazamento

(traxectos que contrarresten o peso do horizonte
que levamos atragantado na gorxa)

Leave a Comment

Please note: Comment moderation is enabled and may delay your comment. There is no need to resubmit your comment.