O VOTO ÚTIL (VIAXE DE IDA E VOLTA AO OUTRO LADO DO ESPELLO)

Posted by puntodefugaMar 5th, 2008puntodefuga on

comezar a andar DEICA PODER ASENTARSE NA FERIDA

S.O.S. (a roda do azar ten a culpa de que sigamos cantándolle ao medo,
non somos grandes nin pequenos pero non soñamos soños, soñamos na potencialidade da materia,

nunca no pre-sente, sempre no pre-algo; somos @s viaxeir@s dun tempo-máquina e estamos a piques de darlle a volta ao mundo:
-canta negrura vai nesa nube que pasa, canta palabra estrelada contra o chan! (porque perseguir a quen fai preguntas ainda non é posible) ANAQUIÑOS DESA NUBE

TAL VEZ: QUE EMOCIÓN AO DESCUBRIR POR VEZ PRIMEIRA QUE O MEU CORPO ERA UNHA AERONAVE,

E QUE PODIA FACER que todo dentro de min acontecese. No exterior, as pegatinas de cores que representan as distintas partes do meu corpo e os buratos negros tan necesarios. CON FRECUENCIA TENDO A OCUPAR O SITIO DOUTRAS PERSOAS: e pregunto, que foi o que lin hoxe sobre a imposibilidade do cambio?

A través do xeo as verdades saben menos a derrota.

Elixir elixir, o que se dí elixir…Sería como deterse de súpeto ante a lonxitude do propio entendemento, considerar o propio peso, desesperarse, e finalmente deixarse caer, dándolle forma redonda aos pensamentos e ás decisións: NON ÁS SUPERFICIES PLANAS; adecuar o mundo interior ao exterior supon a fe na esfericidade do EU: un EU liso e brillante, cos seus mares e continentes e sobre todo illas, moitas illas con tesouro e montañas sulagadas. Velaquí a xeografía do EU,

o traballo para facer dos corpos estancias adicadas á fugacidade e ao sono.

Tantas conversas co meu lado escuro:
pan negro nos beizos e na alma (unha escena na que a caida nunca ten lugar ainda que non deixa de producirse e de ser real aos ollos de quen a mira)
caer sen saber o significado do acto nin o alcance das súas consecuencias…
porque sempre que os feitos nos arrastran á acción ocorre que non hai ningún sinal ou algo que se lle pareza, non hai senón TANTOS HORIZONTES CADA UN DELES CO SEU SOL E A SÚA VONTADE DE EXISTIR E DE SEREN-NON SEREN ELIXIDOS.

Así foi como botei fóra o sentido común e fíxenme mutante: porque o libro dos cambios pronostica sempre a derrota, e é a nós, os mutantes, a quen corresponde asumir a atracción fatal POLA NADA,
no supoñer de que sexa a nada o que nos compete, e non as cousas.
As cousas teñen a súa propia autoconciencia e para iso non precisan estar cubertas de pel. Cada opción, co seu cheiro característico, único, intransferible ainda que nos guste tanto xogar aos vestidiños coa palabra posibilidade

Se non hai mapas nin lugares reais nin camiños que nos leven a onde queremos ir…daquela será cando poidamos facernos camiñando (nin infinitivo nin participio: XERUNDIO, CONSTANTEMENTE XERUNDIO como aniquilación da temporalidade. Nunca en ningures, NUNCA NÓS MESM@S, SEMPRE PROXECTO, NUNCA NADA NADA NADA MÁIS QUE MEDIOS DE TRANSPORTE
(cheos ou baleiros de contido, pero veloces)
ACONTECENDO.

(foi máis ou menos así
cando soñei
que tiña superpoderes e facía estoupar o universo na miña boca)
anaquiños de totalidade caendo da memoria individual e colectiva
A XELATINA, OS CORPOS, O DESPRAZAMENTO, O DESEXO DE SER-NO-MUNDO, DE SERMOS OS ANIMAIS
ILIMITADAMENTE LIBRES
que soñamos

(darei o meu voto ao máis veloz dos depredadores)

  • poemas
  • Comentarios desactivados en O VOTO ÚTIL (VIAXE DE IDA E VOLTA AO OUTRO LADO DO ESPELLO)