(heart) of darkness
(ante todo, isto que vés non é un libro, é un paraugas por riba das nubes,
é un enigma que viaxa)
recordos apañados ao pé da montaña:
LINSHAN: tí eras o horizonte e eu a fuxida
enchendo a paisaxe de libros de Conrad, Joseph, a atalaia, o mirador de Certezas, o contador de visitas ao psiquiatra: o meu problema non é máis que unha esaxerada predilección polo SILENCIO
(enchendo a boca de tebras) tamén o inverno podería ser un hábitat
contra as paredes da Casa: milleiros de habitantes, milleiros de balas disparadas en todas as direccións
(o obxectivo, romper a voz, romper a mensaxe, romper a comprensión da mensaxe)
recordar os dedos apañando a humidade
NA PALABRA, recordar os cortes, a pel negra (o de-sexo)
a necesidade dos abismos