invocación á Musa
DIAMANTE
espazo baleiro, obviamente
para que ninguén entre
OLLO
remuiños de posibilidades
rompendo a vida
a cada paso
só a contemplación permite rebelarse
cando hoxe é realmente hoxe:
desesperación,
día de ir á herba, por exemplo,
apañar o paradiso enteiro nunha rede de mentiras
(a neurótica raíña debruzada na fiestra, os animais de cartón pedra
pegados ao paladar)
NON ACREDITO NA LINGUAXE QUE XENERAN OS VENCEDORES
A FUXIDA É O MEU SER NO MUNDO
A DELICADEZA DA PAISAXE
LÍQUIDA
ASÍ
na caida:
miles de preguntas que queren baleirarte de todo o que sabes
LIMÍTAME SE TE ATREVES
EU desafíote
cosmos inmutable
cápsulas de amor
á deriva
no espazo profundo, o teu corpo
é un planeta alleo que non me atrae, a gravidade
consiste en rexeitar o centro, aguantar o peso
moverse sempre en tódalas direccións:
anarquia
eu
veleiro pirata, cabelo trenzado
nun mar de beleza
insignificante, tanto, que conseguín invertir
as leis da física, e a metáfora rachou o molde e dixo:
agora es tí a portadora da desgracia
o veleiro quere viaxar pero a rapaza pirata
esqueceu o título da historia
como un amuleto
contra a memoria
o poeta cala e o poema
REALÍZASE
cada un no seu círculo de pedras alonxa de sí o medo,
e a canción xorde das entrañas da terra,
baleira,
perfecta,
dirixida a aniquilar o presente
ESTE MEU PRESENTE
